Ilusiona o novo proxecto do Deportivo coas oito caras novas e a recuperación de catro futbolistas que xa estiveron o pasado ano. Mesmo lonxe da Coruña falan de que será una equipa que pode pensar en algo máis que a permanencia. E non sei eu. Cando digo que ilusiona, falo de min, aínda que vexo que hai moita xente con esa mesma sensación, pero non deixa de ser iso: una sensación. Eu tamén a tiña hai un ano e xa ollamos o que aconteceu. Con todos os que chegaran, cos nomes que asinaron o seu contrato como branquiazuis, pensaba que non habería os atrancos das dúas temporadas anteriores en Primeira. Erro. Houbo que agardar ao derradeiro partido para garantir a continuidade na elite. Non vou entrar nas causas porque non paga a pena e non se trata de remexer no pasado. Agora teño a mesmo ilusión que hai un ano, pero quizais levo o freo de man posto. Cousas da experiencia e das vivenzas. O Deportivo ten agora moitos futbolistas, alén de xogadores de fútbol. Nomes que enganchan. Xa o dixo mesmo Cani na entrevista de onte en LA OPINIÓN: "El equipo me gusta mucho, podría reconocer que hasta es mejor de lo que creía que podía ser". Nada que engadir ás palabras dun futbolista veterano, experto e que é futbolista, non só xogador de fútbol. Máis motivos para crer. Para ilusionarse. E que sen ilusión creo que non imos a ningunha parte. Aí estades os preto de 24.000 abonados, tamén ilusionados. Coma min e coma moitos máis. Pero con iso non se gañan partidos nin se acadan as metas. Iso é traballo xa dos profesionais: xogadores e técnicos. Si pido que cada un faga o seu traballo, que sexa profesional e que non tente facer cousas para as que faltan ferramentas. Un 600 non poderá nunca cun Ferrari. Erros deses son os que non se poden repetir. Supoño que por iso está Víctor Sánchez á fronte desta equipa. Con tempo xa para desenvolver o seu proxecto e amosar a súa idea disto que se chama fútbol. Nos oito partidos da pasada temporada o único que se lle pedía era que evitase o descenso. Era o mesmo como o fixese. Agora xa ten a súa equipa e tempo para que faga o que el quere que se faga. Tamén acredito nel, como nos xogadores. Creo que xa é tempo de que se poñan a altura dos afeccionados para non ter que escoitar sempre a reiterada frase que di: "Os seareiros van sempre por diante dos xogadores". Chegou o tempo do equilibrio? O deportivismo meréceo. Non digo cumprir os soños, pero si vivir unha campaña sen abafos. Os soños están para roncalos; moi poucos fanse realidade. Pero é mellor seguir soñando que vivir agochado sempre co medo do peor. Ilusión, soños, entrega é o que ofrece a afección aos xogadores. A resposta só pode ser unha, e non é difícil: ser profesional. Simplemente iso.