Os límites non deberían existir, aínda que ás veces hai que pelexar moito para destruílos. Martín Varela sábeo ben. Unha discapacidade física logo dun accidente de tráfico non o detivo á hora de cumprir os seus obxectivos e agora é un recoñecido tenista en cadeira de rodas. Un home loitador que busca sempre algo máis. Esta vez o seu reto é completar o medio maratón da Coruña como un corredor máis. "O que queremos é, por enriba de todo, participar na proba. Non queremos correr aparte, traballamos moito pola inclusión", explica Martín, quen xunto a Álvaro Illobre se inscribiu na Coruña21 deste domingo. Os dous teñen dereito a completar o mesmo percorrido que o resto de participantes, pero hai outros compañeiros, como Iván Montero e Ángel López, que deberán iniciar a proba unha hora antes porque compiten en hand-bike e non en cadeira de atletismo. "Consideran que son bicicletas, polo que comenzarán antes para non coincidir co resto", explica, e engade: "É a única maneira".

A organización asegura que é por cuestións de seguridade, pero o ano pasado Martín atopouse "cun autobús ao lado" porque completou parte do circuito antes de tempo e o tráfico continuaba aberto. Naquela edición, os participantes en cadeira de rodas só puideron percorrer 16 kilómetros, non 21. Nesta ocasión, a primeira limitación xurdiu cando quixeron facer a inscripción. "Non aparecíamos na páxina web e reclamamos", informa Varela, quen cree que esta "integración é cuestión de vontade". Por iso a súa loita non finaliza aquí. Tamén quere participar no próximo maratón e en todas as probas populares. "Só buscamos ser como os demais, non estamos pedindo que nos poñan flores".

Un argumento que defendeu o pasado martes na Casa del Agua xunto o Proyecto Enki, que impulsa a inclusión das persoas con diversidade funcional. "Cada vez hai máis xente que quere participar nas carreiras da cidade coa súa cadeira de rodas, ¿por que non imos poder facelo?". Unha pregunta sinxela cunha resposta que tarda en chegar.