Chegou a última oportunidade. A final. O Básquet Coruña visita hoxe (21.00 horas) ao Melilla para disputar o quinto e definitivo partido da eliminatoria de semifinais do play off de ascenso á ACB. O desempate preséntase emocionante e moi traballado. Ambos os dous equipos amosaron nos catro partidos anteriores que teñen armas dabondo para vencer, pero só o que mellor as empregue será quen continúe vivo nesta loita polo ascenso. O Peñas Huesca, que superou ao Burgos (3-1), xa espera na final.

Aos coruñeses móveos a motivación. Perderon de 20 o pasado domingo, pero iso non lles impide chegar coa súa mellor cara a Melilla. Son expertos en rápidas recuperacións. A ilusión e mocidade dos xogadores de Tito Díaz son clave para este tipo de enfrontamentos. Aínda que a experiencia tamén adoita axudar a manter a calma. Para iso está Jesús Castro, que segue tocado pero que no terceiro partido puido xogar uns minutos para provocar unha reacción nos seus compañeiros.

Quen tamén se vestiu de curto foi Ben Stelzer, que segue doente por unha escordadura nun nocello. Iso non lle impide dalo todo na cancha e seguir sorprendendo cos seus triplos. A súa forza de vontade non ten límites. Xa o contou Tito Díaz a pasada fin de semana, foi o xogador o que pediu xogar malia a súa lesión. Non quere desaparecer no momento máis importante da tempada. Tampouco Ángel Hernández. O capitán estivo apartado das pistas durante boa parte do curso por unha doenza, pero busca como tolo a súa mellor versión para axudar ao equipo. Detalles como estes son os que axudan ao Leyma a seguir soñando.

Hoxe terá a oportunidade de facer historia. Unha vez máis. É a primeira vez que xoga unhas semifinais do play off de ascenso e non se conforma só con iso. É ambicioso, como o seu técnico, e quere o arelado billete á final. Ademais, a afección é o seu motor. Miles de persoas en A Coruña engancháronse ao equipo e o Leyma vese obrigado a agradecerllo con bos resultados. Na derrota do pasado domingo, o público mandou unha mensaxe crara: "O quinto partido, ímolo a gañar".

Pero non hai que esquecer que enfronte estará un dos mellores equipos da Liga. O seu ataque é demoledor. Algúns dos xogadores son ben coñecidos en A Coruña polo seu pasado laranxa e xa se deixaron ollar durante a serie. Precisará o Básquet Coruña que Franch e Manzano, entre outros, non teñan o seu día. O rebote será tamén outra das claves. Ademais, os herculinos deberán corrixir os erros cometidos o pasado domingo. As perdas, por exemplo, lastraron aos xogadores de Tito Díaz. Deberán estar concentrados ao cento por cento porque un erro deixaríaos sen final.

Por outra banda está o cansazo. Demasiados partidos en tan poucas semanas e a tempada xa se empeza a facer longa. Tamén é certo que a final está tan preto que deixala pasar supoñería un pau para os laranxas. É ese equipo que nunca se rende. Que pelexa ante calquera e que esta noite en Melilla deixará a alma para volver a casa cun gran premio na maleta. Todo ou nada.