Este sábado volve o fútbol gaélico coa selección galega tanto en categoría masculina como feminina grazas á colaboración de Fillos de Breogán e a Asociaciación Galega de Fútbol Gaélico e no Campo Municipal Andrés Pena (Sada). A combinada masculina disputará a partir das 16.00 horas o seu encontro ante Andalucía, mais cunha particularidade. Os andaluces contarán nas súas filas con xogadores de orixe irlandesa residentes na comunidade. Un encontro co que recuperar o ritmo tras o subcampionato acadado no derradeiro Mundial que se disputou en Abu Dhabi. Pola súa parte, o conxunto femenino medirá as súas forzas nun partido entre os dous equipos da preselección galega a partir das 17.00 horas.

Dentro do labor de promoción que realiza a Federación Galega de Fútbol Gaélico, os seus dirixentes convidan a todos os interesados en coñecelo de preto a ter a oportunidade de disfrutar -durante o tempo de lecer do amigable Galicia-Venezuela, que se xogará no estadio de Riazor o vindeiro venres-, dunha exibición deste deporte de orixe irlandesa.