En quente todos piamos, máis cando hai algo que nos prexudica. Despois, algúns decatámonos, ou fan que nos decatemos, de que as cousas son doutro xeito ao que pensamos. Quero dicir, que eu onte batín verbalmente contra Gil Manzano, mellor dito, contra un dos seus asistentes por ser incapaz de ver que o balón rematado por Oliveira botou dentro da portería do Granada. A queixa mantéñoa. A estas alturas non se pode prexudicar deste xeito a un equipo. Onte o Deportivo sumou un punto, cando puido traer os tres. Unha das causas foi non conceder ese tanto. Pode ser que o asistente non tivese capacidade para velo. O ollo viaxa a unha determinada velocidade, que sempre é inferior á do balón. Pero hai outros métodos, que os grandes capos deste deporte chamado fútbol non querer aplicar. E digo agora que entendo ao asistente, porque mesmo Nélson Oliveira non se debeu decatar que o balón entrara. O dianteiro luso non celebrou o gol, nin o reclamou. Estaba no campo, como o árbitro, como o asistente. Tamén o dixo Oltra ao remate do partido. Foi contundente cando sinalou que pensaba que o balón non entrara xa que o seu atacante non dixera nada. Pois esta ten que ser a medida, non a que nos dá posteriormente a televisión. Con tempo, parados e escrutando cada segundo vemos que a pelota traspasou a liña de portería, pero os árbitros non teñen eses medios. Teñen que decidir en menos dun segundo e así, pasa o que pasa. Con todo, e partindo de que foi unha grande inxustiza, o empate chegou por outras causas, unha delas, para min, foi perder o control do partido, quedar sen xogadores que teñan o balón. Non houbo gol, o xuiz non o deu.