Xa comeza a haber cabreo malia que van só sete xornadas. Outra vez polas formas máis que pola derrota, aínda que esta é o detonante que fai que os seareiros se cabreen. Porque estou certo que acontecendo o que aconteceu, se o Deportivo non perde, algún estaría un pouco máis quedo. Cuestión de que a pelota entre ou non. Que puido pasar. O acontecido na segunda parte é anormal, éo porque o máis lóxico desde o meu punto de vista é que houbese máis goles. Que os marcase o Rayo pola aposta esaxeradamente ofensiva de Oltra, e tivo oportunidades para sentenciar; ou podía ser que os anotase o Deportivo, que tamén dispuxo de ocasións para acadar máis. Ese era o fin dos trocos de Oltra, de deixar a defensa con tres homes cando só ían dous minutos da segunda parte. Demasiados homes arriba e poucos espazos. Iso que os de Vallecas tiraban a defensa moi adiante, pero poucas veces souberon os deportivistas superala, en boa parte polo empeño de case todos os xogadores de facer xogada individual, de correr coa pelota en vez de facela correr cara un compañeiro. Só una vez ollei que acontecía: cortou Álex e de primeiras deullo a Riki. Non foi gol, pero a oportunidade foi moi clara. De primeiras, como habería que facer antes. Pero non. Cada un ía facer a súa guerra. Erro. Ademais, dese xeito o que facían era facilitar o traballo defensivo do rival. En definitiva, mal. Non é para empezar a tolear, pero dá para pensar un pouco. Porque agora vén o Barcelona. Pódese soñar coa vitoria. Si. E despois toca Balaídos, onde xa se sabe que non vai ser nada doado. Van tres derrotas seguidas e serán catro. Tranquilidade, pero o ruxerruxe...