ODeportivo dispara de verdade, con proxectís que fan dano. O Zaragoza comprobouno. É sabido desde que comezou a temporada que en ataque este equipo pode facer, e as veces fai, dano. As de onte non eran balas de fogueo. Cada vez que chegaba daba a sensación de que podía marcar. Mesmo despois de que lle pitasen un penalti que dá noxo. Non entendo que se sinale algo así. Xa cando o equipo quedou con dez foi máis complicado. Outra vez Teixeira. Liouna no penalti e fíxoo máis tarde. Porque na xogada do penalti nace a expulsión de Pizzi. Protestou e recibiu un carto amarelo. Vale. Pero botalo por caer ou tirarse na área? Deixar en inferioridade a un equipo que é o que menos faltas comete de Primeira e que onte levaba, creo, cinco no momento da expulsión? Non o entendo. Podo pecar de subxectividade pero non o entendo. Son situacións que cambian un partido, pero tampouco teñen que ser definitivas. Hai que saber manexalas, e neste senso o Deportivo manexa moi mal os partidos. Ademais, xogar cun futbolista menos non ten que ser sinónimo de derrota, sobre todo se vas gañando, e menos de encaixar tantos goles. Este é un problema que non é novo. É un problema que hai que solucionar. O dos árbitros é complicado. Máis cando hai puristas das normas, porque seguir ordes non é arbitrar. Arbitrar é moito máis complicado, máis persoal e máis bonito. En calquer caso, o asunto está en recibir tantos goles. Tantos. É preciso xa axustar o equipo para que exista equilibrio. Onte volveu a demostrar que arriba fai pupa, como dixen cando empecei, pois haberá que aproveitarse desa virtude e mellorar, xa, o que falla. Atención, que onte catro goles veñen de accións a balón parado. Sei que o primeiro é penalti. Algo non funciona. Insisto, a expulsión de Pizzi e o penalti mal pitado influiron, pero non poden ser decisivos se mandas no marcador. Que van 25 encaixados en once partidos. E non todos os rivais foron o Madrid e o Barcelona.