Segundo o que aconteceu onte cando rematou o partido, dáme que vou ser politicamente incorrecto. A min gustoume a actitude dos futbolistas diante do Valladolid. Houbo unha intensidade que non se vía desde hai tempo, tanta que se houbese o mesmo acerto o Deportivo tería gañado por goleada, pero o punto de mira precisa ser calibrado cando se trata de rematar. En partidos determinados os futbolistas foron acusados de non amosar a actitude precisa e esixida. Onte foron asubiados e increpados cando rematou o encontro, creo que foi máis pola desilusión do resultado que polo esforzo dos xogadores. É unha opinión. Se o balón chegase entrar unha vez, como hai dúas temporadas diante do Valencia, abondaría para cambiar a historia. Esa oportunidade existiu, pero non se concretou en nada. especialmente a que tivo Salomão, que rematou por riba do traveseiro cando o máis doado era facelo por dentro da portería. - que lle imos dicir ao xogador? Rematou. Claro que o fixo mal, pero o fixo. Poderíase dicir que se fose outro o balón entraría, pero non estaba outro, estaba Salomão. É reprobábel? Non sei. En situacións como esta xa non abonda con querer, non abonda con tentar, hai que acadar resultados. Como sexa. Entendo a decepción dos seareiros, pero onte creo que aos futbolistas so se lles pode reprochar falla de acerto. Porque os que tiñan que pelexar o fixeron. Os menos acertados, para min, foron os que tiveron que crear, que non o fixeron ou o fixeron mal. Pero xa se sabe: "Non son por querer ser". Dicía un de Rianxo.