Aderrota de onte obriga a calar porque pouco se pode dicir máis que soltar o cabreo que un leva dentro. Cabreo por perder diante do Celta, teño que recoñecer; cabreo pola forma. Tiña escrito xa na primeira parte que o equipo estaba a deixar moitos espazos atrás e que os atacantes celestes estaban a chegar en superioridade. Ese era o perigo que vía xa antes do descanso. Escrito quedou. E así chegou o primeiro gol do Celta, nada máis sacar de centro e nunha perda que provoca superioridade. A verdade que non o entendo. Tampouco me sorprende porque xa se viran xogadas parecidas na primeira metade. Despois do gol de Charles houbo máis, pero ata parece lóxico porque vas por debaixo no marcador. Antes, non. É bonito ir cara arriba, mirar sempre de fronte, pero as veces cómpre mirar cara o chan para non tropezar e romper os morros contra a terra e iso non o fixo onte o Deportivo. Alén do acerto ou desacerto dos futbolistas en accións puntuais, esta era unha situación que había que ter controlada desde o banco. Creo eu. Se a isto sumas o erro de Oriol na xogada máis clara do partido -el mesmo recoñeceu que tiña que ser gol-, o erro de Luisinho na cesión a Fabricio no segundo gol e a entrada de Lopo no medio do campo cando xa tiña unha amoestación, o resultado non pode ser máis que o que foi. E menos mal. Dúas cousas. Non é desculpa pero no primeiro tanto pode haber fóra de xogo de Charles. So comentalo. Outra, porque os becerros non quedan na casa en vez de ir a Riazor?