O porteiro Rubén Martínez Andrade (Coristanco, 1984) cambiou aos 13 anos o Orillamar, un dos históricos do fútbol modesto coruñés, polo mesmísimo Fútbol Club Barcelona. Na Masía formouse como xogador e persoa para ir cubrindo etapas ata chegar a debutar co primeiro equipo ás ordes de Frank Rijkaard. Racing de Ferrol, Cartaxena, Málaga e Raio Vallecano foron as súas seguintes escalas ata chegar ao Almería. Con el gañou en Riazor na primeira volta, pero o sábado non poderá enfrontarse de novo ao Deportivo porque agora está mancado, ultimando a recuperación dunha lesión no cóbado que arrastra desde finais do ano pasado. Estará listo antes dun mes, pero non chegará a tempo para un encontro tan "especial" como o do sábado: "É una mágoa non poder xogar contra o Dépor".

-Que tal marcha a súa posta a punto?

-Seguimos traballando para voltar o antes posible. En canto á dor, vou ben. Agora falta a mobilidade, acadar a extensión completa, e neso estamos.

-Dóelle especialmente non poder estar fronte o Deportivo?

-Sempre é complicado estar fora por lesión e claro que é unha pena non poder xogar contra o Deportivo. Por suposto que é un partido especial.

-É o equipo da súa vida pese a que nunca xogou nel?

-É o equipo da miña terra e sempre hai un sitio especial para el no corazón. Poderíase dicir que o Dépor é un dos equipos da miña vida, pero o Barcelona tamén é certo que mo deu todo para crecer como persoa e xogador. Estoulle agradecido por todo eso que puxo para apostar por min e facerme futbolista profesional.

-Quédalle esa espiniña de non ter xogado no Deportivo?

-Aínda creo que me quedan moitos anos de fútbol, así que nunca se sabe. Esa pregunta tes que facerma cando me retire.

-Ten 30 anos, a mellor idade para un porteiro...

-Iso din.

-Mantén intacta esa vella ilusión de chegar nun futuro ao Dépor?

-Moitas veces non podes elixir onde xogar, pero o Deportivo é o equipo da terra e quizais algún día teña esa posibilidade. Ogallá. Nun futuro, nunca se sabe.

-Acaba contrato en xuño. Hai opcións de renovar co Almería?

-Non sei. Primeiro o que teño que facer é recuperarme o antes posible e logo a ver como se plantexa o futuro, renovar se o clube quere ou mirar outras opcións.

-O Almería vén de remontar posicións, coma tamén fixo o Deportivo.

-Ultimamente estamos sacando bos resultados, incluso no Calderón o pasado fin de semana o equipo plantou cara e fixo un bo partido. Esperemos que os dous saiamos de aí abaixo e non estemos aí ata o final. Agora mesmo somos rivais directos e o do sábado vai ser un deses partidos, como se adoita dicir, de seis puntos.

-Ademais de derrotar a un rival directo, importa tamén manter a favor o golaveraje

-Claro que conta o golaveraje. Ao final nunca se sabe se che pode facer falta. O partido da primeira volta foi complicado. Déusenos ben e tivemos a sorte de gañar.

-Que cambiou dende a chegada de Juan Ignacio Martínez?

-Moitas veces as dinámicas se rachan coincidindo cun relevo no banquiño. Non se sabe por que, é difícil de explicar, pero chega unha boa xeira de resultados, o equipo colle confianza e fai as cousas ben.

-En que insiste máis o novo técnico?

-Desde que veu fixo moito fincapé na seguridade defensiva e, a partir de aí, sacar os nosos puntos fortes. Temos moita velocidade. Queremos crecer desde esa seguridade atrás.

-O Deportivo tamén levantou a testa, como explica esa reacción?

-Non sei exactamente, quizá foi un cúmulo de situacións. Melloraron na seguridade defensiva e estiveron varios partidos encaixando poucos goles e comezaron a coller confianza. Fabricio está moi ben, o mesmo que Lucas. As fichaxes tamén están respondendo ben e sei que Borges marcou dous goles no campo do Raio. Recuperaron lesionados. Foi un pouco igual ca nos, un cúmulo de situacións que fan que o equipo comece a coller confianza e dea ese salto de calidade e na táboa.

-Prevé un partido pechado polo medo a perder dos dous?

-Ocasións está claro que haberá. Nós sempre miramos cara a portería. Queremos seguridade defensiva, pero tamén xeramos oportunidades e ollamos cara arriba. O Deportivo tamén ten xogadores de moita calidade e vai ter as súas ocasións. Pode ser un partido bonito para o espectador.

-Confía en que os dous equipos se acaben salvando?

-Por suposto. Eu débome ao Almería, e o primeiro é que nos salvemos nós, pero ogallá o academos os dous. Iso sería unha alegría.

-Ten algún amigo no vestiario deportivista?

-Está Toché, co que coincidín no Cartaxena. Lévome moi ben con el. É unha persoa excepcional e un gran futbolista, cunha gran traxectoria, con moito gol e cunha moi boa definición.

-Vostede ten 30 anos e Álex Bergantiños 29, lembra se chegaron a enfrontarse de nenos, el co Imperator e vostede co Orillamar?

-Creo que non. Desde logo, non me lembro. Si me acordo de xogar contra Pita, el co Galicia Gaiteira.