O Deportivo continúa en postos de descenso directo e coa salvación a dous puntos. A situación é peor que a xornada anterior, e tamén que hai dúas, e máis. Porén, a sensación que deixa o equipo tras o xogo de Málaga permite ser positivo. Polo menos permítemo a min. Vexo cousas boas -intensidade, presión, organización e mesmo confianza, entre outras- que me fan recuperar a ilusión e crer que o obxectivo da permanencia é posíbel. Sobre todo ollo que o adestrador fai cousas, unhas veces debuxa o partido dun xeito e outras, doutro, como creo que ten que ser. Onte o Málaga puido gañar, tivo oportunidades para facelo e non o conseguíu polo acerto de Fabricio e tamén pola anticipación dos defensas en varias xogadas. Onte o Deportivo tamén puido gañar. Xa só con que entrase a falta que lanzou Lucas os tres puntos estarían xa no peto. Alén das situacións concretas quedo coa reacción do equipo nos peores momentos do partido, non só cando ía perdendo. Soubo erguerse e buscar o empate e despois o gol da vitoria. E tamén defenderse con intensidade para evitar que os dianteiros do equipo andaluz puidesen bater outra vez a Fabricio. Boas sensacións. Como no partido de Anoeta, na estrea de Víctor Sánchez como adestrador. Xa non tanto no de Riazor, pero era o Atlético, un equipo que non deixa de morder -no bo sentido da palabra- durante os noventa minutos. Queda ver que acontece o mércores en Elche. Aí está boa parte da salvación. Agora hai que gañar, xa non acontece o de xornadas anteriores que mesmo un punto podía ir abondando porque a diferenza co descenso era importante. Agora non. Agora é o Deportivo o que ten que remontar. Eu véxoo.