Marchei onte de Riazor con moita satisfacción. Será, como me dixo alguén, tamén onte, que me conformo con pouco. Ou será porque as sensacións forman parte da miña vida. Non a chegan dirixir, xa non, pero case. Pero ademais do que eu xa pensaba, sorrín o escoitar a moita xente na saída de Riazor. As súas palabras concordaban co que eu mesmo me dicía. Será porque levaba moito tempo, moito, sen ver un Deportivo feito unha equipa; un Deportivo, con mando no campo; un Deportivo sen medo e con protagonismo; un Deportivo sabendo ao que xoga. En definitiva, un Deportivo con seguridade e con personalidade. Marchei a gusto, teño que dicilo, malia o empate. Sobre todo porque ollei un futbolista que levaba moito tempo sen ver coa camisola branquiazul, falo de Pedro Mosquera. Xa leva o 5 por algo. Tipo sudamericano. Porque se amosa como un auténtico 5. Levaba moito tempo desexando ver un centrocampista, alén de que estea no medio ou nun interior, que quixese o balón como el o quere; que buscase o balón como el o busca; que tocase de primeiras; que aguantase; que desprazase? unha marabilla. E por riba, como bo 5, manda na súa parcela tamén cando hai que defender. Non todo é Mosquera, claro que non, pero saber que hai no eixo da medular un futbolista que controla todas as facetas deste xogo, é un valor importantísimo para una equipa que, como o Deportivo, ten o obxectivo da permanencia. Con Mosquera e todos os demais, que hai moito nivel, eu comezo con moita ilusión.