Outro puntiño, e eu non contaba con el porque o Valencia é moito equipo para o nivel que en teoría ten o Deportivo, pero nisto do fútbol o que conta é o que poida acontecer no céspede. E visto o visto onte en Mestalla, é un punto xusto. Na primeira metade o conxunto coruñés tivo oportunidades para anotar algún gol máis, mesmo podería haber penalti sobre Luis Alberto, pero na segunda foron os locais os que tiveron máis chances de marcar. Penso que foi un partido equilibrado. E por que ese equilibrio? Pois porque neste Deportivo cada un sabe o que ten que facer e, ademais da calidade que hai, todos pelexan. Neste equipo morde mesmo o que non ten dentes. O gusto pola balón é xeral, por iso a imposición de saír xogando desde atrás, cando sexa posíbel. Se non se pode, pois haberá que darlle cara adiante. Hai que ser imprevisíbel, por iso hai que combinar e xogar directo, segundo o reclame o momento. Máis cando arriba hai xente con velocidade, caso de Lucas. Ese que alguén pensa que non é dianteiro e que para min é onde mellor se desenvolve, por no falar do xeito de morder os adversarios tanto en ataque como na defensa. Isto é o que máis me está a chamar a atención neste comezo de curso, que todos amosan os dentes, mesmo aqueles que aínda non os teñen nin de leite, futbolisticamente falando. Aquí corren todos, os enxeñeiros e os que non chegaron a selo. Gosto moito do que estou a ollar. Xa o dixen despois do empate diante da Real Sociedad, pero onte convenceume aínda máis. Xa sei, xa sei, van só dous partidos, pero nos dous tirei cousas moi positivas, do mesmo xeito que non deixo de ver os erros, como o que custou o gol.