Ben pouco tardou en chegar o primeiro pau a Riazor. Despois das ilusionantes xeiras anteriores, perante Real Sociedad, Valencia e Rayo Vallecano, agardábase o encontro de onte como un punto de partida para tirar cara arriba, pero en oito minutos o equipo estragou todo o traballo. En oito minutos recibiu dous goles cuspidiños un do outro. Para falalo ben falado ao longo destes días. Amañou a cousa e estableceu o equilibrio no marcador. Pero, outro erro foi xa definitivo. Tres erros, tres goles. Todo perante un equipo que salientaba pola súa fortaleza defensiva e polas oportunidades que estragaba diante das porterías adversarias. Será que o fútbol é así. O certo é que o resultado foi inxusto para o Deportivo. Que mereceu máis, pero dabondo é sabido que nisto do balompé os merecementos non serven para nada, que o que conta son un puntos que cada un sexa quen de facer. Foi un pau, pero non perdo a ilusión porque houbo oportunidades para remontar, tívoas Lucas, Luis Alberto, Arribas, pero o Sporting tamén tiña un home, o seu porteiro Alberto, que viviu unha grande tarde sobre o céspede cando o que lle tocaba era estar no banquiño. El foi quen de evitar a vitoria dos branquiazuis e o home que decidiu que o resultado final favorecese o seu equipo. Foi o nome do partido. Pero para min, e o deixo para o final deste conto, hai outro, que é o que se chama xuíz. Estaría ben que aló pola capital do reino, onde están os que mandan, ollasen o que fixo onte en Riazor este navarro. Non deixou xogar, criterio distinto, non deu lei da avantaxe -só para o Deportivo- e máis. Para min foi moi descarado. Non é que estivese mal, o que fixo é moito peor.