Lucas, Lucas, Lucas. Riazor deuse todo ao dianteiro de Monelos, mesmo quen no curso anterior o rexeitaba. Cousas do momento que o tempo, xunguido ao traballo, acaban por deixalas atrás. Dous goles anotou onte o coruñés, iso é que que viste nisto do fútbol. Vén ser o pan para os dianteiros, certo é, pero hai outras moitas cousas alén do acerto no remate que, insisto, é o que marca a traxectoria dun equipo xa que o acerto son goles e os goles son puntos. Foi unha tarde de éxito para Lucas, coa despedida axeitada cando foi substituído -práctica habitual cando un partido está decidido-, que foi a mesma que a parroquia lle quixo dar a Pedro Mosquera cando deixou o seu sitio a Álex. Tamén o da Gaiteira se está a facer cun cacho do corazón do deportivismo. Se o esforzo de Lucas o ano pasado por vestir a camisola do equipo da súa cidade non tivo a recompensa que merecía, agora parece que si, Mosquera gañou o deportivismo desde o mesmo momento en que pisou Riazor. Dous rapaces da casa que tiveron que marchar lonxe para amosar as súas condicións antes de vestir de branquiazul na máxima categoría do fútbol español. Voltaron despois de percorrer moitos camiños, sobre todo Lucas, e o fixeron pola porta grande. Semellaba que era porque o Deportivo era un equipo cativo, e pode ser por iso dos cartos, pero polo que eles amosan, xunto cos seus compañeiros, este vai camiño de ser un grande. Non hoxe, quizais tampouco mañá, pero xa veremos pasado. Dous coruñeses como referencia... Xa había tempo. Como queiran e non marchen pode ser mesmo antes de tempo. Porque eles fan grande a algo que non vía hai tempo: un equipo.