Os focos van sempre onde hai algo que salienta, que chama a atención, e pasan por riba doutros feitos salientábeis, pero quizais moito menos brillantes as olladas expertas ou máis forofas. Agora no deportivismo fálase de Europa e eu digo: bufff. Teño moita ilusión con este equipo e soño, claro que soño, pero tento manterme desperto para decatarme do que significa Europa. Está ben ser optimista e positivo. Está ben non ser conformista. Parabéns a quen sexa quen de ollar cara o lonxe preto do infinito porque non vou ser eu o que lle poña portas ao monte, que se adoita dicir. Non. Chégame como son e como me vou a facer, e eu, que son positivo, réndome perante eses soños. A verdade que me conformo cun pouco menos. Por exemplo asino agora mesmo ter pechada a permanencia na Primeira División a falta de dez xornadas; outro obxectivo é quedar por riba do Celta -ese é outro obxectivo deportivo innegociábel para o deportivismo- e tamén gañar os seis puntos do clásico galego. Isto xa non o dubido. Son tres cousas menos ambiciosas que andar rumiando con Europa, pero a min abóndanme. Soño con acadar as tres, e digo soño porque o que está a facer este equipo, con moi bos futbolistas e con moi bos técnicos -estano amosando uns e outros nos partidos e nos adestramentos- dáme azos para crer. A única dúbida que teño nestes momentos é saber se en Balaídos o Deportivo gaña ou empata. O resto sei que é un feito. Ah! Quen se cabree xa sabe. Falo de rivalidade deportiva. Eu sempre quero o clásico. Sempre! Por se algún non sabe ler.