As veces durante o partido prefiro calar, sobre todo cando as cousas van ben, como acontecía onte. Pero hai momentos nos que vexo que vai acontecer algo. Non, non son adiviño, porque de selo estaría vivindo como un político. Pero onte volveu acontecer. O Deportivo gañaba; o Deportivo puido pór a sentenza; o Dépor non tiña problemas porque o Granada non xeraba perigo. Tal como o escribo o digo a quen está a ollar o partido comigo e chega o gol do Granada. Non digo que os andaluces non o merecesen nese momento, máis por empurrar que por ocasións, pero non é normal encaixar dese xeito, con tanta xente defendendo dentro da área. Foron eses minutos típicos nos que o equipo local sae na segunda parte con todo na procura do empate. Lembro o que dicían os adestradores cando eu era mozo e xogaba fóra da casa: "Tende coidado cos primeiros quince minutos". Esa frase soaba antes de que comezase o partido e mesmo no descanso se o marcador era favorábel. Pois onte aconteceu algo parecido. Dáme a impresión de que o Deportivo saíu para aguantar eses primeiros minutos en vez de seguir co que estaba a facer, que era ter o balón e mandar no xogo. Porque resulta que despois do empate, o equipo coruñés volveu ser o que fora na primeira parte. Porque esa diferenza? Son cousas que nunca entenderei, aínda sabendo que o fútbol non é matemática senón simplemente momentos. Con todo, déixoo para o final para que non sirva de desculpa, o gol do Granada nace nunha xogada en fóra de xogo.