Pendentes do auto do xuíz de Instrución número 20 de Madrid hai certa preocupación, mesmo "estupefacción" como dixeron no seu momento responsábeis policiais, pola decisión do maxistrado, una vez que se coñece que hai unha testemuña protexida que identificou a catro dos asasinos de Jimmy o pasado 30 de novembro na beira do Manzanares. Se hai nomes e apelidos, porque esa xente segue en liberdade? Porque non se abre outra canle de investigación para comprobar que a declaración dese menor, que participou na emboscada, é verdade? ou para desbotala? Hai dúbidas na Coruña. E hai temor de que os asasinos queden definitivamente libres. Hai dous días dicían "fontes xurídicas consultadas.... que, agás cambios de última hora, todo indica a que só haberá acusados de participar en rifa tumultuaria". E o homicidio? Avogados coruñeses, que non están metidos directamente neste asunto, consideran que habería que dividir esta causa, por un lado tratar o que se está a chamar "rifa tumultuaria" e por outro o homicidio/asasinato de Jimmy. As palabras do menor, que non se pode esquecer que foi un dos protagonistas da emboscada aos deportivistas, tería que ser dabondo para que os causantes da morte de Jimmy, quen for, non andivesen polas rúas como andan. O deportivismo clama xustiza por un dos seus, pero por riba deste colectivo está unha familia que segue a agardar unha resposta da clase xudicial sobre a morte do seus. Hai sospeitas de que algo se trata de agachar e mesmo o convencemento de que se fose ao revés o tratamento xudicial sería distinto. Non digo por parte da familia, que non o sei, dígoo polo que se escoita nas rúas coruñesas. mesmo a persoas alleas ao propio fútbol. Persoas que falan, simplemente, de xustiza.