Asuntos sobranceiros de onte hai varios, para min. Un punto co que xa non se contaba; a actuación do equipo malia estar con dous goles por baixo no marcador; a reacción de parte dos seareiros que marchaban cando Lucas fixo o primeiro; o gol do Athletic cando Luis Alberto estaba no chan; e, sobre todo, o que aconteceu fóra de Riazor. desde a unha da tarde ata o momento de entrar no estadio. Moito do que falar. E eu vou ficar cos dúas cousas. Hai unha da que pouco hai que dicir, porque aí están as imaxes e os feitos. Os feitos de onte e de hai moito tempo. Algúns destes feitos alguén négase a velos, analizalos. Haberá que esperar. Pero XUSTIZA non a están a pedir catro amigos. Tamén un club. Tamén un alcalde. Vou polo menos importante, pero que aconteceu no interior do estadio. Primeiro, a bronca das bancadas e mesmo dos xogadores aos adversarios por seguir a xogada que rematou no primeiro gol do partido cando Luis Alberto estaba no chan. A queixa é que os vascos non lanzaron o balón fóra. Eu tampouco o faría. Víctor Sánchez tampouco. Díxoo clariño despois do partidos. Moitos adestradores seguen esa liña. E no Deportivo mantense desde hai xa un tempiño nese camiño. Non protestemos por iso. Que o Depor xa marcou este ano, mesmo este ano a piques estivo de facelo perante o Betis. É o árbitro quen decide. Ou un xogador se olla que hai perigo para o que está mancado. Eu desde logo non tiraría o balón fóra. Hai outra cousa que non faría: marchar se o equipo vai perdendo como onte. Polo menos deixan todo no campo e xa sei que non é mérito. É o mínimo. Só digo que estamos empezando e que a cousa vai ben. Moi ben.