A pé de rúa

Derrota sen máis

25.10.2015 | 01:45
Derrota sen máis

Nada que dicir á derrota de onte. Gañou o que máis o buscou e o que máis acerto tivo. No Deportivo só unha opción, a de Riera na primeira parte. Moveuse ben o dianteiro catalán, cun bo recorte e un bo toque coa zurda. Só fallou que o balón entrase. Unha mágoa. Unha xogada de mala sorte podería dicirse, pero polo que aconteceu despois case non paga a pena lembrarse desa acción. Que si, que se entrase a cousa sería distinta, pero o partido seguiu con empate e con tempo para gañar. Porén, o Deportivo nada fixo onte para voltar a casa cos tres puntos. Foi un partido dos moitos que agardan, porque seguramente este sexa o nível deste equipo. Boas fichaxes, plantel equilibrado, pero como outros tantos que hai na categoría. Aquí como te despistes un pouco levas un zurra tremenda. Non hai máis que ollar os marcadores que hai en cada xornada. E iso é o que non se pode permitir o Deportivo, quedar durmido. Hai que estar sempre alerta, pendente de cada acción porque por aquí sabemos por experiencia que un só gol muda a historia. Onte houbo xogadores que non estiveron no encontro. Borges, Cartabia, Fayçal, por citar tres, que podería falar de máis. Por iso o equipo non funcionou. Cando non está algún do que é parte da cadea o prezo que se paga só pode ser o de onte: a derrota. Non é o Málaga un rival que meta medo; nin superior, pero fixo dabondo para gañar. Pode ser que inflúa xogar na casa, pero ata agora o Deportivo sempre amosou mellor faciana lonxe de Riazor que perante a súa xente.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine