Un gol non, un golazo. Iso tamén é fútbol, morder, apertar, insistir. O fútbol é moitísimo máis que tocar ben o balón ou dar dous pases nun partido. Onte Lucas, outra vez, foi a imaxe dun equipo que parte do bo trato á pelota, pero tamén coñece todas as demais interpretacións que require este deporte. Un bloco moi xuntiño, que se move, ou tenta facelo, como se fose un só individuo sobre todo en tarefas defensivas, mentres que nas ofensivas deixa máis liberdade aínda que tamén con accións moi traballadas. Eu son dos que estaba a desexar que chegase o descanso. O Atlético marcou nunha xogada chea de rexeites cun bo golpeo de Tiago e puido pór a sentenza nunha cabezada de Godín que deu no pau e o posterior remate de Griezmann o atopou Lux. E menos mal que rematou esa primeira parte, porque a segunda fíxose moi corta. Podería dicir iso de "se chega durar un pouco máis ?", tampouco hai queixa. Mágoa do disparo de Fayçal. Como o remate de Godín. Mágoa da rapazada de Giménez, dirán pola capital do reino mentres que nós estamos a loubar a raposada de Lucas. Roubou o balón e sen espazo para case nada fixo algo que só se pode facer se xogaches a fútbol sala ou es un virtuoso. Lucas xogou no fútbol en pista cativa e a ademais é habelencioso. Todo o bo se xunta e remata cun golazo. Non abondou co gol, que o de Monelos foi quen de darlle unha aperta a Giménez cando rematou o encontro. O uruguaio choraba. Sabíase responsábel e Lucas soubo estar o seu carón nese momento complicado para el. Iso tamén é fútbol.