Enrique Calvete, conselleiro responsable da área económica do Deportivo, asegura que o club acadará o obxectivo de acadar 1,5 millóns na ampliación de capital o 31 de decembro e cumprirá co pacto asinado con Facenda para que, deste xeito, o club siga sendo dos "deportivistas".

-Rematou a segunda fase da amplicación de capital. Teñen xa o datos?

-Aínda non os temos exactos, pero sabemos que foi mellor mesmo que a primeira. Houbo un estirón moi grande, que me permite pensar que imos acadar o obxectivo do millón e medio de euros que precisamos cubrir a 31 de decembro. Imos xustos, pero coa terceira fase, na que se incorporan os abonados non accionistas, imos conseguir esa obxectivo, que é a prioridade agora mesmo polo compromiso que temos coa Axencia Tributaria.

-Hai poucos días, un portavoz do club dicía que a segunda fase ía regular, parece que as cousas mudaron.

-É certo, pero nos últimos días houbo un estirón moi grande. Certo que precisamos que se prolongue agora con esta terceira fase. Nos confiamos na afección do Deportivo, que estamos convencidos de que se volcará. A verdade é que nos últimos tempos tivemos tantas frontes abertas que a ampliación de capital non foi o centro da actividade, pero agora vaino ser. Porque o Deportivo ten varias ameazas. Unha delas é que a Axencia Tributaria rescinda o convenio que ten asinado con nós, se non cumprimos o obxectivo. Facenda argumenta que fai un aprazamento importante das débedas, e que nun club que ten un patrimonio neto negativo de máis de 100 millons os propietarios teñen que facer algo, como é participar na ampliación.

-Cando falaron da ampliación de capital, explicaron que o requisito era aprobala, que o resto non era imprescidíbel.

-Todo é interpretable, pero co convenio nas mans Facenda pode entender que o pode rescindir. De todos os xeitos non vai haber necesidade porque estou convencido de que imos chegar a eses 1,5 millóns, porque notamos ese empurrón. Ademais vaise incorporar unha nova xente que non tivo posibilidade de se incorporar a ningunha ampliación de capital. Creo que todos imos responder para consolidar o modelo accionarial existente.

-A situación non é boa para que a xente poida dar 120 euros o club, porque participar nesta ampliación significa facer unha aportación a fondo perdido.

-Pode aportar 120 ou 60 euros, que é o que costa unha acción. Recoñecemos que o momento non é bo, pero apelamos a ese sentimento do deportivismo da xente para poder seguir sendo de todos, e cada vez de máis, e para cubrir ese millón e medio e cumprir o acordo. Pero sobre todo o que queremos é consolidar ese modelo accionarial que permita dicir que o Deportivo é de todos. Con esta ampliación, os accionistas importantes que había ata agora poderían chegar ata un 2 ou un 3% como máximo.

-Pero unha cousa son as posibilidades dos grandes e outra as dos pequenos accionistas.

-É verdade. Eu son deses pequenos accionistas. E me sinto orgulloso de que estean a participar nesta ampliación. E tamén de ter esa porción emocinal dun club porque as miñas son accións de sentimento. Somos 23.000 donos e despois desta ampliación espero que sexamos máis de 30.000.

-O obxectivo nesta terceira fase é a xente máis nova?

-Hai moitísima xente que nunca puido participar nunha ampliación por cuestión de idade. E sabemos que a situación non é a ideal para comprar accións e menos para a xente nova, pola precariedade laboral, polos baixos salarios, que é a problemática dos mozos coruñeses e galegos, e perxudica. Pero sabemos da forza desta xuventude, por iso creo que os mozos van participar masivamente. Lémbrolles que con unha acción xa é unha participación importante. E hai financiación a través de Abanca, dúas accions son dez euros ao mes. É unha forma de dar facilidades. E se todos os abonados suscriben unha acción estamos a falar de 25.000 títulos, de 1,5 millones de euros. Se sucede isto, dámoslle un empurrón definitivo a esta ampliación.

-Nas fases que remataron, participou moita xente de fóra da Coruña?

-Hai xente de fóra e queremos contar aínda máis porque queremos chegar nesta terceira fase ao deportivismno da diáspora. Hai moitísimo socio amigo lonxe de Galicia, pero queremos chegar a máis. Á emigración tradicional e tamén á nova, a dos novos profesionais que teñen que saír da casa e disfrutan e sufren con Deportivo desde a distancia. Abonda cunha acción.