Nestes últimos días vexo que hai xente que fala con sorpresa da normalidade que vai haber no derbi de hoxe. A min o que me admira é que sorprenda a normalidade. O derbi é moito máis que un partido sen dúbida, é deses nos que hai que gañar si ou si, pero non todo vale fóra do céspede. Hai uns meses en Riazor deuse un paso de como se poden vivir estes partidos, aínda que o ambiente estea lonxe do que todos arelamos que é a imaxe que se dá no País Vasco. Pouco a pouco. Levo moito dicindo que quero que o Celta estea na mesma categoría que o Deportivo sempre; que asinaría que o Celta fose subcampión de liga; que quero que o Deportivo gañe estes encontros malia que xogue mal ou non xogue. Son deses que nos derbis so quere a vitoria, pero non a calquera prezo fóra do céspede. Insisto en salientar este último aspecto. E hoxe agardo que se volva repetir a historia tan habitual en Riazor nestes partidos. Estou certo de que acontecerá así.

Mais xa antes de que comece o encontro estanse a producir avances interesantes a prol da boa convivencia. Unha delas é ollar os dous alcaldes no palco. Vai ser o primeiro encontro de Xulio Ferreiro lonxe da súa localidade, en Maratón. Terá que estar cos persoeiros. E terá que estar como se está nesa zona nobre. Será quen? Complicado para alguén que vive o fútbol, o Deportivo en concreto, cunha paixón propia dun deportivista. Complicado aconteza o que aconteza e por moi alcalde que sexa. A paixón non se pode controlar porque si, é un sentimento tan forte que é imposíbel manexalo. Ollar este partido desde un palco? Má elección para o alcalde, aínda que a súa obriga hoxe sexa estar aí. É un dos prezos que ten que pagar.

Outros estaremos menos condicionados e poderemos berrar os goles -si, en plural- e poderemos queimar pitillo tras pitillo durante noventa minutos con liberdade. Indo de arriba cara abaixo.

Sen acougar. Porque así son os derbis para min. Nin gañando por tres -oxalá- serei quen de estar quedo porque quererei máis. Nestes partidos sempre quero máis. Moito máis. Por sorte non teño que estar nun palco amarrado ás normas. Vou andar ceibe, con xente, berrando e mesmo vacilando. E cando remate falarei cos meus amigos do sul para dicirlles que os agardamos outra vez para a vindeira temporada. Isto é un derbi para min. Insufríbel as veces, pero necesario. E nunca deixei de falar con ninguén nin ninguén me retirou a palabra despois dun dos nosos clásicos. Deportivista? Si. Pero con respecto para os que non senten as cores branquiazuis coma min. Coma nós. Peor para eles. Aos meus amigos tampouco lles pido que sexan perfectos.