Xogar a isto do fútbol require moitas virtudes: habelencia, calidade, técnica, físico. Supoño que poderá haber algunhas outras cousas positivas. Pero por riba de todas está pór esas virtudes a prol do equipo, do colectivo. Niso basease o éxito dos grandes equipos -Barcelona de hoxe; Ajax de hai un tempo, e paro-, e mesmo semella que Las Palmas, como antes o Lugo, busca esa excelencia. Xa o avisou Quique Setién - que pedazo de futbolista e que boa pinta ten como adestrador- de cara o partido de onte, que o balón ía ser do seu equipo, o canario. E tamén dixo algo así como que o Deportivo xogaría a esperar. Pode gustar ou non, pero cada quen ten o seu estilo. Quero que alguén me diga cantas oportunidades de marcar tivo Las Palmas? Cantas unha semana atrás o Celta? Cantas tivo o Deportivo onte? Xogan mellor os celestes e os amarelos, segundo algúns. Seguro? Que é xogar ben? Para min onte o Deportivo, por exemplo, non xogou ben. Funcionou como equipo en defensa, e neste aspecto creo que xogou moi ben. En ataque, pode levar boa nota, pero errou. Daquela, non xogou ben. Errou na definición, como lembrou Víctor -polo egoísmo ou mala interpretación de Lucas-; e pola imprecisión no último pase en moitos momentos. E acertou Setién porque o seu equipo, Las Palmas, tivo máis o balón, pero o Deportivo tivo os goles, e oportunidades para meter máis. E eu pregunto, de que serve ten o balón se non hai profundidade? De que serve ter o balón se non asustas o porteiro contrario? Para falar?