Os números que está a ofrecer Lucas neste primeiro terzo do campionato dan para moito, especialmente para soñar. Porque os goles do dianteiro de Monelos son, ademais de moitos, transcendentais. Cando marca, o Deportivo suma. Co valor que iso ten na actualidade, porque non é que anote cando o equipo gaña por cinco ou por seis, marca cando máis o precisa. Goles e puntos van da man, por iso a estas alturas da Liga o atacante está entre os rematadores máis salientábeis e o Deportivo en postos que conducen directamente a Europa. Xa sei que isto non se pode trasladar a todo o curso -ogallá-, xa que daquela estaríamos falando de que Lucas marcaría 27 goles e de que o seu equipo remataría a competición cuns 63 puntos. Nin Villarreal nin Athletic acadaron esta cifra no curso pasado. E non hai que ir moi atrás para ver como varios clubes entraron na Champions con menos desa puntuación. Eu non creo que o Deportivo sexa quen de manter esta media. Agora veñen seis partidos duros: dous case imposíbeis (Barcelona e Madrid). Ademais disto, a Riazor veñen Sevilla e Villarreal, tamén o Eibar; e ten que viaxar a Getafe. Será quen de manter a media. Xa postos, e vendo a seriedade coa que xoga este Deportivo eu xa me permito pensar de todo -é o que acontece cando chegan as vitorias- e mesmo me atrevían a facer unha pequena aposta -nunca o fago-. Dixen, e agora escribo, que nestes seis partidos que quedan o Deportivo sumará dez puntos máis. Escrito queda. Agardo non comelo.