Os de Lucas e Mosquera son nomes propios cando falamos de futbolistas do Deportivo, pero non só por seren da Coruña, sono polo que fan sobre o verde en cada partido. Onte volveron lucir, o dianteiro co seu gol -que siga!- e o mediocampista mandando como sempre e como gusta de facer. Mágoa de que non poida xogar o vindeiro sábado no Camp Nou por mor do quinto cartón amarelo. Alén destes nomes, xa case queimados de tanto usalos, para min onte cobra protagonismo especial o de Arribas. E non só onte. O central está en todo e acariña a excelencia no cumprimento do seu rol. Anticipación, colocación dominio do xogo aéreo, seriedade na marcaxe e co balón fai o que é preciso en cada momento, se pode tocar, tócao, se non o pode tocar, cara adiante!!! Onte era un partido moi difícil, porque diante estaba un rival que controla moitas facetas do xogo. Na primeira parte non foi quen de superar aos albiazuis con ningunha delas; na segunda, o conto mudou. Con Llorente e Iborra no campo o dominio dos balóns por alto era case absoluto dos sevillistas, pero con todo poucas ocasións de gol tiveron neste período porque Arribas, na súa parcela non deu opcións a ninguén. Non só el, por suposto, pois o traballo defensivo do equipo é sobranceiro. Desde o primeiro ata o décimo cuarto futbolista. É un espectáculo ver o funcionamento deste equipo sobre o terreo de xogo, malia os desaxustes, como o de onte de Mosquera, que quedou medio pillado e deixou a Iborra en posición legal para empatar. Mágoa. No resto, chapeu!