Lembro unha frase de Djalminha -para min o fútbol feito carne- falando de Roy Makaay na que viña a dicir máis ou menos isto: "Con Makaay, un mal despexe é meio gol". Todos os futbolistas -mesmo os xogadores de fútbol- falaban marabillas do holandés. Non había balón que saíse cara o campo contrario que el non tentase collelo e como o acadase era ese "meio gol", ao que se refería Djalminha. Con Lucas está a pasar algo parecido este ano. A punta de velocidade que ten e o golpeo coa súa zurda o converten nunha ameaza constante para os adversarios do Deportivo. É quen de superar a grande parte dos defensas das Primeira División e non o pensa cando está en zona de disparo. Ademais, tamén hai que dicilo, pégalle o balón con boa dirección. Golpea con moito xeito. Xa sei que haberá quen diga que ás veces tira de máis ou que ás veces tira antes de tempo. Eu diría que son as menos. En calquera caso, a aportación do de Monelos a este equipo é tremenda. Mesmo en defensa. Non só polo traballo que fai, tamén porque a súa presenza xa fixa a dous defensas con el. Eu non sei onde está o límite de Lucas. Sei que está a facer cousas que eu xa lle tiña visto algúns anos atrás, tanto no Rayo Vallecano B como algún partido co PAOK -algún, só-. Agora mesmo chégame con que dure esta racha, que sexa quen de mellorar os rexistros de dianteiros anteriores do Deportivo. Ten a tiro igualar a Bebeto en número de xornadas seguidas marcando -non goles-, igualou xa con Beci, Luque e Tristán e está a dous goles dos 13 de Riki hai tres cursos. Son marcas que, ademais, dan puntos.