Que chegue o venres para coñecer o seguinte adversario na Copa! Estou desexando! A min a Copa é un torneo que me gusta, polo menos este ano. No curso anterior sobraba porque o Deportivo estaba esixido e non tiña plantel para andar de carallada; nesta tempada o conto mudou e ten xogadores dabondo para tentar chegar lonxe. Eu engadiría tentar facer algo sonado. Un soño? É posíbel, pero estamos a falar do sexto da clasificación de Primeira, dun equipo que so cedeu dúas derrotas en quince partidos; dun equipo incómodo para os adversarios; en definitiva, dun equipo que é quen de facer dano a calquera, ou case. Outra razón para soñar é que o tempo xoga mesmo a prol dos albiazuis porque no xaneiro vindeiro vanse disputar dúas eliminatorias: dentro de algo máis dun mes saberanse que equipos estarán nas semifinais. Pois haberá que apostar. Que non vai máis aló? Pois nada, so se perde, como moito un mes, catro xornadas. E digo perder en canto a esforzo extra dos futbolistas, que non perder partidos. Xa segundo sexa o vindeiro rival tamén decidirá Víctor se mantén as rotacións ou aposta polos titulares. Hai que agardar. Os non titulares amosaron en Palamós que tiñan fame de fútbol, onte... non tanto. Hai futbolistas que terían que ter dado algo máis, aínda que entendo que xogar coa vantaxe de ter xa gañado fóra tampouco motiva moito. Pero xa foi. O de onte é para lembrar so porque o equipo foi quen de clasificarse, do resto teranse que encargar os técnicos para que siga a ser tan competitivo como sempre.