Rematou a primeira volta e o Deportivo suma 27 puntos, catro menos dos que eu dicía hai seis xornadas, nunha situación privilexiada, pero cunha palliza coa que non contaba. Ou si. No BernabÉu todo pode acontecer, empezando polos agasallos que sempre recibe o clube branco, que onte foi en forma do primeiro gol. Unha vantaxe saber que vas ter unha axuda, máis se é a que che sirve para abrir a lata. Pero alén desa xogada hai outras moitas nas que os localis tiveron axudas, e non do árbitro precisamente senón dos propios futbolistas do Deportivo. Defensivamente onte non foi equipo, ese conxunto compacto que foi quen de competir con todos os adversarios aos que se enfrontou. Onte o Deportivo foi moi feble en defensa, que non falo só dos defensas, pois no meio do campo os localis xogaron moi cómodos, fixeron o que quixeron, tocaron cando ou como lles deu a gaña, e chegaron tamén cando lles petou. Os catro de atrás onte estiveron moi abandoados, independentemente de erros individuais que puideran ter. Para min faltou contundencia. Non vou dicir como outros, pero non me agradou esa falla de intensidade. De aí eses cinco goles, que poden semellar moitos, pero hai que recoñecer que os brancos tiveron oportunidades a esgallo; e tamén o Deportivo, pero Lucas, o único que remata, non estivo acertado. Case prefiro que o estea noutro encontro, malia que iso de gañar ou empatar no Bernabéu provócame moitísimo. Ah! Por haber houbo dous penaltis. Habelos, hóuboos. De todos os xeitos os nosos partidos son outros, xa eu estaba moi certo de que era imposíbel puntuar. Agora mellor pensar na Copa, nesta competición non está o Madrid e é máis doado chegar lonxe. Primeiro, rematar ao Mirandés e despois agardar o sorteo. Se o Dépor pasa e a bola non é mala podemos pensar en todo.