A pé de rúa

"Caemos da nube lanzándonos de cabeza"

13.01.2016 | 11:29
"Caemos da nube lanzándonos de cabeza"

Hai que se mergullar moi fondo para atopar no dicionario algunha palabra que defina o que aconteceu onte en Riazor. Quedo cunha frase que escribiu alguén que quero ben: "Caemos da nube lanzándonos de cabeza". Creo que é unha moi boa explicación do que aconteceu perante o Mirandés. Preocúpame pensar que tamén pode ter aplicación para o que está a suceder neste mes de xaneiro, ou máis ben desde que pasou o Nadal. O equipo burgalés chegou coa manifesta intención de marcar e xa o avisara o seu adestrador cando rematou o partido en Miranda de Ebro. Lembrouno o luns, na véspera do encontro, e non ía de farol. Técnicos e xogadores deron a entender, tamén o luns, que Carlos Terrazas, técnico visitante, ía en serio. Menos mal. Se non chegasen a dar crédito ás súas palabras onte caen quince goles. Porque non hai nada que opor á vitoria do Mirandés. Absolutamente nada. Que tristura! Todo por indolencia. Si, reitero, indolencia. Non podo entender doutro xeito que todos os rivais che leven sempre os balóns en cada unha das disputas. Os deportivistas non gañaron ningunha! Ningunha! Haberá que explicar iso. Tamén haberá que explicar que sempre se anticipasen e que marchasen con todos os rebotes. O éxito do Deportivo viña polo xogo solidario, pola loita e pola concentración, entre outras cousas. Nada diso vin onte en Riazor. Admito unha derrota, malia que non me gusta perder nin ás chapas, pero quen me gañe vai saír polo menos rabuñado ou mordido. O de onte para min foi unha humillación.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine