Non sei eu se o punto acadado onte en Anoeta servirá para algo máis que para ter 28 na primeira xornada da segunda volta, porque unha vez que os técnicos do Deportivo ollen o partido van ter que falar de moitas cousas. De moitas! Pasaba o Deportivo por ser un equipo que deixaba poucas opcións de gol aos seus adversarios, pero onte a Real non se debeu decatar porque tivo ocasións para ter gañado por goleada. Non o conseguiu porque se atopou diante cun pletórico Germán Lux, que parou todo o que podía parar e mesmo balóns que en circunstancias normais rematan en gol. Alén dos tantos anulados á Real, creo que en todos os casos houbo fóra de xogo, e dos disparos ao traveseiro. Co que non puido Lux foi con penalti que lanzou Xavi Prieto. Dubidoso para min, pero tamén quero dicir que nesta oportunidade a min pareceumo. Despois de ollalo varias veces xa me xera dúbidas, pero de entrada eu o pitaría. Creo que en nada se parece a situación ao invento de Borbalán perante o Villarreal. É posíbel que se non fose desde os once metros a Real non marcaría, de feito non o fixo, pero tamén o é que os donostiarras foron moi superiores ao Deportivo en todas as facetas do xogo. Outros tamén o foron, pero non tiveron opcións de gol. Onte a Real tívoas, por que? Iso é o que chama a atención, a facilidade dos dianteiros contrarios para chegar á súa portería. Porque onte estivo Lux, pero non esquezamos que nos dous partidos anteriores -Madrid e Mirandés- o equipo encaixou oito goles. Non semellan poucos, non si?