Podemos quedar coa xogada do gol do Valencia, nun grave erro defensivo, ou podemos quedar coas decisións do primeiro asistente que prexudicaron gravemente o Deportivo. Eu non me cingo a momentos puntuais, ou tento non facelo, porque un partido son 90 minutos. Certo é que eu tiña medo de Negredo porque non é un dianteiro calquera, por iso non se lle pode deixar rematar dese xeito, nin se pode deixar que se centre con tanta liberdade. Pero como entendo un partido como un conxunto tamén teño que ir ao que aconteceu antes. Non digo que haxa un gol anulado a Lucas porque o porteiro do Valencia no fixo nada para deter o balón, o que hai é unha situación legal do de Monelos, un metro por detrás da defensa, na que podería marcar o segundo; como hai outra situación máis do propio Lucas na que arranca en posición legal, non tan nítida, pero legal e xa non remata; e xa o que remata a historia é cando o asistente número un sinalou fóra de xogo nunha contra cando Lucas recibe en campo propio -si, en campo propio- e lle quere dar o balón a Luis Alberto, tres metros por detrás, e corta o defensa, mais por se acaso o asistente número levantou a bandeira para sinalar fóra de xogo de a saber quen. Ah!!! E o córner que lanza Fayçal e un defensa despexa claramente a córner outra vez e sinala saque de portería. Resulta que nesa xogada Arribas recibe un cartón amarelo por pedir o xusto. Non acredito nas casualidades e xa van moitas decisións en contra: penalti diante do Villarreal no desconto, alén dos dous penaltis non sinalados por Borbalán; gol de Benzema e dous penaltis non sinalados no Bernabéu e o de onte. Casualidades? Ah! E o cartón a Lux.