Boa imaxe, moi boa imaxe a do Deportivo onte, como xa a deixara nos dous anteriores partidos que disputou en Riazor (Villarreal e Valencia), pero o resultado dá que sumou dous dos nove puntos en xogo. E xa son seis encontros consecutivos sen gañar, aos que se poderían engadir os outros dous da Copa do Rei diante do Mirandés. Para un resultadista a conclusión será negativa; para alguén que goce co que fai o seu equipo será esperanzadora. Sempre queda o recurso de que erros alleos o propio xogo están a prexudicar claramente aos albiazuis. Si, os árbitros. Onte o Deportivo fixo unha grande segunda parte, cun comezo espectacular, na que puido amañar os erros cometidos na primeira. Porque no período inicial os coruñeses pouco fixeron para estar por diante, algunhas xogadas illadas nas que sorprenderon os rivais, pero sen acerto. De elaboración de xogada, nada. Mudou na segunda parte, e arrollou, pero non estivo acertado en exceso ou a deusa Fortuna -tamén hai que apelar a ela- estalle a dar as costas. Mereceu o Dépor, claro que mereceu, pero xa son moitos partidos nos que se emprega este verbo sen que as vitorias cheguen. Só os árbitros? Non, pero están a desenvolver un papel importante no eido negativo. Mesmo Víctor parece estar canso: "De los árbitros, ya sabéis? A ver si nos toca uno que no nos perjudique". Tamén queixouse Arribas. Xa é hora de que alguén diga algo diante de tanto prexuizo e con total impunidade. Onte o segundo gol do Rayo é ilegal e hai un penalti de Zé Castro a Lucas.