Disque no fútbol sen erros non habería goles. É unha desas verdades absolutas que non serve para nada porque nada hai de verdade total. Porén, nisto do balompé esa frase achégase moito á realidade. Cada vez máis os equipos, sobre todo os cativos, amosan a súa faciana de voitre e agardan os erros dos rivais para tirar proveito en forma de gol. Supoño que será o camiño que lles queda os máis pequenos xa que non teñen a fortuna -refírome a cartos- de contar con eses seres que resolven por si mesmos un encontro. E onte outro erro -si, outro- facilitou o gol do Sporting. Falábase de mala sorte, de que o balón petara en Juanfran e despistara a Lux, pero diante diso hai algo máis importante para min: por que Jony remata so na veira do área? E unha pregunta para os adestradores, non só os do Deportivo. Se once fubolistas defenden un córner, por que hai adversarios libres fóra para respostar á segunda xogada? Busquei resposta e non a atopei. Será que non dou para máis. E non pido que o adestrador do Deportivo -chapeu para el- explique publicamente a razón dese remate, que non do gol, pero se é posibel si que quero que alguén me ilustre. Polo meu ben e porque quizais haxa máis coma min que non entenda esa xogada. Ese acumular homes e homes en defensa para non defender nada. Por certo, é unha teima que teño hai moitos anos. E ninguén me convenceu. Outro detalle, Lucas no marcou, pero estivo no gol. Non sei se é un crack ou o que é, pero para este equipo o é todo. E non me gusta.