Hai quen está a preocuparse pola permanencia, eu non. Ata onte. De feito desbotaba esa palabra, pero desde o que aconteceu perante o Granada xa dubido se empregar ese termo ou non, malia que insisto en que non é porque o Deportivo estea en perigo de descender. Non. Pódome empezar a preocupar porque o equipo perde credibilidade, tanto con respecto dos rivais como dos seus propios seareiros e, agardo que non, entre os mesmos futbolistas. Houbo partidos, sobre todo en Riazor, onde os xogadores mereceron a vitoria -Villarreal e Valencia, entre outros-, e eu seguía acreditando neste equipo, pero onte, e mesmo hai unha semana en Barcelona perante o Espanyol, este Deportivo non ofreceu nada. Podo esaxerar un pouco e dicir que o Granada tampouco mereceu gañar, malia que tivo contras, que non oportunidades, para ter marcado máis goles. Tampouco me consola, porque os homes de Víctor fixeron moi pouco para merecer os tres puntos. Un remate de Lucas antes do penalti e non lembro máis. Iso é nada cando queres gañar. Hai unhas xornadas cheguei pensar que os futbolistas ían sobrados porque estaban convencidos de que o tiñan todo feito para acadar o obxectivo e que ergueran o pé do acelerador. Podería ter pasado. De feito no Deportivo xa aconteceu algunha vez. Pero agora creo que comeza a xurdir certa ansiedade, que é o peor inimigo que pode ter alguén. Xa van dous meses sen gañar; van dez partidos, moitos para esta afección. Non temo pola permanencia, so digo que é unha mágoa desaproveitar una oportunidade única de soñar con algo máis que iso. So quedaría nun soño? E cantos soños non deixamos todos polo camiño?