As contas non son o meu como quedou claro a pasada temporada na que en teoría faltábame un punto. Abondou co da última xornada en Barcelona. Si. Deixemos ese conto aí. Malia que recoñezo que non son de cálculos estou moi quedo porque estou convencido da permanencia. Outra cousa é impensábel, nin se me pasa pola cabeza. Sobre todo porque son ben mandadiño nas cousas das que non sei, e nisto do fútbol os técnicos son os que máis saben e, como dicía David Vidal, son os que entenden. Se eles din que o cota pola permanencia está nos 35 ou 37 puntos, eu acredito no que din. Fáltanlle ao Deportivo entre dous e catro. Non os vai sumar? Mais creo que o asunto xa non é tanto ese, está máis no que está a facer o equipo, ese bloque que se converteu no peor da categoría na segunda volta; ese bloque que non é quen e gañar desde decembro, ese bloque que está a estragar a ilusión que xerara entre os seareiros coa súa sobranceira primeira quenda da Liga. Pódese entender que o equipo merece ter moitos máis puntos dos que ten, por suposto, pero esa leria de que deu boa imaxe perante a Valencia, Villarreal, Betis, ... Bla bla bla, xa abondou. Mesmo eu estaba ledo do que facía este equipo, mesmo eu dicía que eran poucos os partidos nos que o Deportivo non competiu. Sígoo mantendo, pero xa é hora de gañar! A calquera prezo -desde o eido deportivo-, de calquera xeito -deportivo-, pero gañar. Sobre todo pola xente que vai a Riazor, pero tamén porque estou comezando a pensar que se non chega a vitoria o sábado perante o Levante serán os propios futbolistas e os técnicos os que comecen a tremer. Ata agora todo foron aplausos, recoñecemento, que manteño, pero é chegado o momento de deixar de falar e pasar a feitos, e me refiro aos profesionais, non a xente que cada fin de semana está en Riazor. Repito, non penso no descenso porque tres ou catro puntos abondan. Insisto, o asunto non é ese. Agardo que tampouco sexa cuestión de confianza, porque sen iso xa non queda nada. O sábado é unha final e xa se sabe que as finais, como os clásicos, non se xogan, simplemente gáñanse.