So me sae unha palabra cando teño que falar de certos bufóns -non no sentido que se emprega no fútbol- que buscan salientar en eidos que lles aporte beneficio ou con vantaxe: pobriños!. Unha cousa é manter os vaciles entre os seareiros, entre xente que ten confianza entre si e outra que alguén, que desde que é coñecido sempre viviu dos cartos públicos, decida rachar a concordia, o traballo de dous consellos de administración, de moita xente, cando está na súa casa. Quizais isto mereza outro termo: covardía? pailanismo? Semella a Paco Vázquez, que hai anos metera o zoco desde o seu sitio en Riazor, pero sen estilo, aínda que iso dá o mesmo. Dá noxo que un político tente provocar para tirar proveito persoal poñendo en risco a integridade física de máis de seiscentos deportivistas que hoxe van estar en Balaídos. Claro que para Antiviolencia non será ofensiva! Quizais porque tamén viven do público.