Paréceme ben que os futbolistas pensan que aínda teñen os deberes por facer, porque se estivesen convencidos do contrario seguro que xa non pagaría a pena ir a Riazor. Aconteceu moitas veces e seguirá acontecendo en circunstancias similares, xa que unha vez es quen de liberarte da tensión de acadar o obxectivo rematas relaxando, queiras ou non queiras. Está ben que os xogadores pensen en chegar ata os 40 puntos, e despois aos 43, porque canto máis sumen mellor, primeiro para os seareiros e despois para o clube. Hai algo que non se pode esquecer, que cando máis arriba acabes na clasificación máis cartos van reverter na caixa. Os cartos de televisión chegan por diferentes conceptos e unha pequena parte é segundo a clasificación; outro, a audiencia; outro, o números de seareiros que haxa no campo e tamén conta o número de afeccionados nos desprazamentos. Conta para as televisión e mesmo conta para mellorar a imaxe da entidade e acadar máis patrocinios. Todo conta. O que vale é sumar. Agora, en canto á clasificación eu levo quedo xa hai moitas xornadas, moito máis despois de sumar catro puntos nos dous últimos partidos -Levante e Celta-, aínda que estaría moi ledo se viñesen para acó os tres de Balaídos. Pero iso xa é historia. Agora hai xornadas axeitas para que o Deportivo siga a sumar e poida tentar escadar un chisco máis na táboa. Las Palmas, Getafe e Eibar son os partidos nos que o Deportivo ten máis posibilidades de facerse co triunfo; e non desboto sorpresas perante o Sevilla e o Villarreal, malia que iso é moito máis difícil. Sigo soñando!