Que o marcador de onte é excesivo penso que resulta unha obviedade. Que Las Palmas tivo moito o balón, pero marcou en tres chegadas e que na súa área tivo moita sorte, outra. Que o Deportivo esperou moitísimo para facer os deberes, máis aínda. Había xente que falaba de merecementos, mesmo eu cheguei a dicilo cando rematou o partido, pero de méritos non se vive nisto do fútbol, hai que ser efectivos e listos. Nos derradeiros minutos do encontro Las Palmas puido marchar cunha morea de goles, pero houbo desacerto, infortunio, precipitación e, nalgún caso, pouca cabeza. En boa parte porque o home que ten que definir -onte o fixo inventando unha xogada onde non había nada- chega aos minutos finais rebentado de tanto correr. Corre para dar saída ao balón; corre para presionar ao contrario; corre para perseguir a un defensa e corre nas contras. Case o mesmo fai Fede, que perde parte da súas virtudes ofensivas polo desgaste ao que se somete durante o encontro, mentres outros andan, miran e medio corren cando teñen o balón: Luis Alberto. Cando alguén presiona non serve para nada se os compañeiros non fan o mesmo, o único que fai é desgastarse. Este é un xogo de conxunto, arriba e abaixo. Parece que hai uns partidos algúns o esqueceron. E insisto en que o problema non está en acadar a permanencia, que para min está xa feito; o asunto está na imaxe que este equipo está a dar desde hai moitos partidos, agás o do clásico en Balaídos, onde o Dépor si foi un bloque.