Calquera resultado positivo tapa erros, ou fai que se esquezan ou minimicen, como acontecerá co de onte no Sánchez Pizjuán. O empate final provocou a ledicia no deportivismo, pero? o partido é para esquecer. E xa van uns cantos. Para moitos é un punto que asegura a permanencia, para min é un punto para medrar na clasificación e manter as diferenzas, aínda que o asunto da táboa hai un tempiño que non me preocupa en exceso porque repito que 36-37 puntos abondan para manterse. Xa se verá se teño razón. O que precisa este equipo é recuperar credibilidade, confianza e pór dificultades ao equipo contrario. Cada partido merece unha formulación distinta segundo as características do adversario, adoitaba dicir Víctor Sánchez cando chegou a Riazor. Ten razón, pero onte botei en falla una proposta máis propia. Non sei, ir máis polo rival -viña de xogar o xoves-, xogar máis lonxe do área propia cando enfronte estaban Fernando Llorente, e Iborra, dous futbolistas cun enorme dominio do xogo aéreo; e tapar as bandas para que non lles chegasen tantos balóns... Non sei. Co traballo feito poderíase encarado doutro xeito. Digo isto dentro do escaso coñecemento que podo ter disto. A segunda parte pode servir de exemplo do que comento, non porque fose boa, senón porque o equipo deu a cara doutro xeito, porque xogou lonxe da súa portería e, agás nos minutos finais, non deu opción aos sevillistas. Poderíase perder xa que o conxunto andaluz ten moito máis potencial que o deportivista, pero estamos no de sempre, hai formas e formas.