Ben sabido é que o Deportivo foi de máis a menos na actual liga, polo que sería bo intentar atopar as razóns que levaron a este desnivel negativo.

A personalidade dun equipo demóstrase pola súa aposta no xogo, e unha posta en escena sen verse condicionado na totalidade do xogo do rival.

Algo tan sinxelo como que cos mesmos futbolistas non podes esperar obter o mesmo rendemento, asignándolles diferentes tarefas e ata chegando a situalos fóra das súas hábitats naturais.

Na primeira parte da liga o Deportivo estaba en fase de construción, é dicir, deseñando o seu propio estilo de xogo. Iso levoulle a ser un equipo capaz de xerar as súas ocasións de gol con asiduidade e dunha defensa colectiva máis solidaria e intensa. Co discorrer das xornadas, e a raíz do éxito do prantexamento no Camp Nou, algo mudou nas decisións e o equipo pasou a pensar máis en como contrarrestar aos rivais, que en como combatelos.

Onte no Sanchez Pizjuan, malia que o Sevilla presentaba un equipo pouco habitual, de novo a formulación inicial do Deportivo fíxose pensando máis no xogo alleo que no propio, malia que se daban circunstancias que levaban a presentar unha opción con máis personalidade. E é que aínda que o equipo sevillista ten un fondo de armario importante, non é menos certo que futbolistas que non xogan habitualmente adoitan ofrecer un rendemento decrecente durante o transcurso do partido, precisamente pola súa falta de partidos, ritmo de xogo, etc.

Así destragou o Depor toda a primeira parte, agasallando ao Sevilla todo? xogo e sensacións como para sentirse dono e dominador do partido.

Só uns minutos da segunda parte, debido precisamente ao baixón lóxico dos futbolistas do Sevilla, o Deportivo atopou un gol que arranxa un resultado, pero non o problema da personalidade.

O mellor que se pode dicir a estas alturas é que a tempada prácticamente está cumprida.

O peor, non poder ver a un Deportivo con carácter e personalidade propios, precisamente cando a clasificación dáche opcións para atrevertee a un pouco máis.