Nunca pensei eu que o partido podía rematar deste xeito. Despois de ollar a primeira metade tiña esperanza de que o Deportivo puidese molestar, polo menos. Co terceiro estaba claro que a mínima posibilidade de facer algo esvaeuse, pero é que tampouco molestaron. O da segunda parte é para estudar. Coñecendo como xoga o Barça, non entendo como se lle poden deixar tantos espazos dereitos á portería. Todos os goles da segunda parte foron iguais, con chegadas desde atrás, ás veces mesmo en superioridade atacante para marcar con comodidade. Ata seis goles marcaron así os barcelonistas. Penso que cando xa levas catro no lombo, o que terás que facer é quedar atrás, agochado, para non sufrir unha humillación como a de onte. Vas tirar cara arriba a marcar cinco goles? Tenta marcar un, dous, pero sempre centrado en non encaixar máis. Hai momentos e partidos nos que moito máis importante que os puntos é a imaxe, e onte quedou esnaquizada. Si, sei que era o Barça e todo iso. Precisamente por ser o Barça non é normal levar oito, porque os cataláns adoitan erguer o pé do acelerador cando levan xa catro o seu prol. O que non van facer e rematar fóra balóns nos que só teñen a portería diante. Para min vergoñenta a segunda parte. Para estudar. E insisto, polo menos ter incordiado! Xa non falo de dar patadas, non falo de violencia; falo de cousas normais no fútbol que semella que un equipo de Primeira non sabe facer. Menos mal que as contas xa están feitas. Só queda esperar que isto remate xa!