Ocorréseme que para rematar a temporada con algo máis que un aprobado sen máis, os xogadores teñen hoxe a oportunidade de mellorar un pouco a nota. Non, non é que un partido diante do Madrid sirva para axuizar toda a temporada; só é que despois da segunda volta tan penosa e do espectáculo destes últimos días -agradecido estou porque deste xeito xa se entenden moitas cousas- o mínimo que se pode facer por toda a xente que leva un ano entregando o seu tempo -os seus cartos, o seu esforzo e o seu amor- é dar a cara perante un adversario poderoso e rematar o curso con moito máis que outra derrota. Gañar ao Madrid dá prestixio, como facelo diante do Barça, pero cos cataláns xa se viu o que aconteceu. Uff! Agardo que non se repita. Tiña que ser un día de ledicia, pero non tanto por seguir un ano máis en Primeira -tiña que estar pechado hai máis dun mes- senón polo que significa para algúns. Hoxe vai ser o día de Arsenio Iglesias, ese que o que máis salientaba dun equipo era que fose un grupo. Soa iso de algo? E tamén pode ser o día de Manuel Pablo. Malia que non o dixo pode ser o seu derradeiro partido como profesional. Atrás quedarán18 temporadas coa camiseta do Deportivo. Non o pode dicir calquera, malia que tampouco é deses que se gaba e sae nas fotos. Mais os seus números son os que son, quedan para a historia. E hoxe xuntarase con outra parte da historia. Por eles e pola afección!