Tino Fernández dixo despois do partido contra o Villarreal que a continuidade de Víctor Sánchez pasaba pola avaliación que o consello de administración faría cando rematase a Liga. "Cuando acabe la temporada haremos la valoración de todo el año. Víctor acaba la temporada, estamos en Primera y está contratado para el año que viene". Isto foi o que dixo o presidente en Vila-Real. A temporada xa rematou. Falta esa avaliación e a posterior decisión. Non son adiviño -mágoa-, pero teño a sensación de que Víctor vai seguir, e non só porque teña contrato por un ano máis, que inflúe bastante. Sabido é que o madrileño foi unha aposta do presidente por riba da proposta da área deportiva; tamén é coñecido que o traballo do adestrador foi salientábel na primeira parte do curso o que motivou que a directiva tentase asegurar a súa continuidade en decembro pasado, coa aprobación de todo o deportivismo, e ese novo compromiso asinouse a finais de xaneiro. Xa entón acontecera o conflito con Luisinho -fora en agosto-, e xa nese momento o equipo iniciara a costa abaixo, pero os deberes estaban practicamente feitos. Ou iso se pensaba, eu entre eles. O acontecido ata que rematou a temporada provocou que a perda de confianza no adestrador fose en aumento, mesmo a directiva está desgustada polas palabras do técnico do pasado venres encol do asunto Luisinho. Pero a avaliación vai ser global e o resultado vai dar para a continuidade, xa que a nota é alta en varios apartados, malia que baixa noutros. Os xogadores están con Víctor e o mesmo adestrador deu a entender o sábado, despois do derradeiro partido da temporada, que a súa idea é continuar. Penso que é o que vai acontecer. Ah! E si, o sábado o nome de Fran Escribá estaba en moitas bocas. O que sigo sen saber é se era con algunha intención, ou simplemente un ruxe ruxe clásico desta época do ano. Supoño que isto último, porque estou convencido de que o Deportivo ten adestrador para a vindeira temporada. Méritos fixo, malia que tamén hai que reprobalo noutros aspectos, por iso ninguén -agás algunha excepción- cuestionou a súa renovación. Só é unha sensación porque eu non teño poder nin coñecementos para decidir.