O Deportivo leva unhas semanas que semella un cabalo desbocado. Un equipo e unha institución descontrolados, agás cando pisa o céspede. Aí, onde debía ter nervio, é cando muda e todo se dilúe. É como se toda a súa enerxía a empregase nas intrigas, nos ruxerruxes e nos desgastes persoais, e xa non lle abondase para amosarse como un verdadeiro equipo no terreo de xogo. O Dépor, a todos os niveis, precisa de alguén que volva levar as rendas. En decembro estaban ben asidas. Foron uns meses tan abraiantes como autodestrutivos. De onde vén e ata onde chegou. De pouco valerán as bágoas polo perdido se non forman parte dunha análise para saír dun burato do que, polo de agora, non se adiviña o fondo. Toca arremangarse.

A estrutura do Dépor, tal e como a coñecemos hoxe, non pode continuar a partir do 30 de xuño. Fica nas mans do consello se é o momento da limpeza total ou simplemente de facer uns retoques a unha engranaxe que non debe fallar coa choiva de millóns que hai en xogo. A pesares de todas a malas sensacións que deixa esta fin de curso, Rayo, Levante e Getafe quererían estar na pel do Dépor agora mesmo. É unha situación de privilexio. Si, outra vez levantar a casa. Pero tampouco se pode desbotar o punto de partida.

Algo debe mudar porque os interlocutores non se entenden. Case todo se pode solucionar co diálogo e as boas intencións, pero é máis que probable que, cando cheguen os inevitables atrancos, afloren de novo os reproches. E máis cunha bancada sen acougo e dividida. Ocorre en calquera relación, ata nas parellas. E no matrimonio do Dépor, no que moitas veces houbo máis de dous, non hai precisamente sintonía. A marxe do que aconteza cos xogadores, ou marcha Víctor ou hai trocos na dirección deportiva (non son incompatibles) ou cambiasen as canles de comunicación con novas facianas intermedias. Non pode ser unha historia de vencedores e vencidos porque non se trata de elixir a un adestrador e a unha secretaría técnica, é unha decisión que vai mandar unha mensaxe: que tipo de clube queres ser, cómo pretendes que te vexan. A vida non pode seguir igual no equipo coruñés porque esta segunda volta amosoulle con luces de neón cal e o seu destino se non é quen de reconducir a nave. A papeleta non é sinxela para Tino Fernández nestas areas movedizas, pero xa soubo dar unha viraxe na tempada pasada. É o momento de outra e de tentar que sexa a derradeira ou polo menos que pase moito tempo ata a seguinte.

E no medio da tempestade, emerxe a impoñente figura de Pletikosa. Pola súa envergadura, pola súa traxectoria, polo seu saber estar e polas súas verbas serenas e certeiras no seu adeus ante un micrófono. Mais aló de que a súa despedida puidese parecer esaxerada respecto doutros referentes como Lucas ou o dubitativo Manuel Pablo, é de xustiza o que lle ocorreu o sábado. O inescrutable Riazor brindoulle un tributo que non esquecerá, pero o importante foi que o fixo baixo paus. As prestacións de Manu levan tempo salpicando de dúbidas os últimos días do croata como profesional. Se un garda redes con tal experiencia na elite non é quen de render máis do que un novel nestas lides, cal é o seu verdadeiro nivel? Pois despexounas todas coa mesma forza coa que mete os puños nun balón pendurado. Estaba para xogar. Nin máis nin menos. A claridade no seu final é o mínimo que merece. Non estaría de máis que o presidente se sentase a ter unha conversa con el. Nunca sobra o consello de alguén con tal percorrido, que estivo dentro, que catou varios paises e conviviu con todo tipo de adestradores, xogadores e vestiarios. Case que un observador internacional que xa demostrou saber calar cando debía e capacidade para xerar atención sen ter que levantar a voz.

Selección Galega

En tres días a Selección Galega volverá á vida, no céspede, de onde nunca debía ter saído. Mais aló da súa inexplicable ausencia, sempre é un orgullo o seu regreso e ver co mesmo escudo a mellor xeración de xogadores da terra en décadas. Un combinado que non desentoaría no panorama internacional. Virán futbolistas de toda Europa, tamén do Celta, como é lóxico e necesario. A pesar de que hai quen non aprendeu a festexar sen botar unha ollada ao veciño, esa camisola non merece nin o máis mínimo reproche ao que a leva posta. É o xusto e é de agardar que así aconteza o venres.