O Fabril tentará por terceira tempada consecutiva ascender a Segunda División B despois das decepcións dos últimos dous anos. O filial deportivista coñeceu onte ao seu rival na primeira das eliminatorias que terá que superar para conseguir o tan desexado ascenso de categoría. O conxunto de Manuel Mosquera enfrontarase ao equipo murciano El Palmar a partir de esta fin de semana.

O primeiro partido será este domingo (12.00 horas) en Riazor. O Fabril cambia a cidade deportiva, onde nos últimos anos se disputaron os encontros do filial no seu camiño cara a Segunda B, polo estadio, campo no que só xogou na última fase do ascenso.

O filial deportivista acabou a tempada na terceira posición despois dun ano irregular no que alternou fases de bo xogo con outras máis discretas.

O obxectivo desde o comezo do curso sempre foi o ascenso. Por este motivo, o club fixo numerosas incorporacións enfocadas a elevar o nivel do equipo e aspirar realmente a subir de categoría. Entre os futbolistas máis destacados de esta tempada están o defensa Róber, que o sábado disputou uns minutos no encontro contra o Madrid que se xogou en Riazor (mesmo estivo a piques de marcar despois dun remate de cabeza); Óscar García, que se converteu no máximo goleador do equipo e entrou en algunha convocatoria da primeira plantel; o colombiano Otero, tamén con bos rexistros goleadores; e Álex Corredera, que xustificou a súa fichaxe procedente da canteira do Barcelona.

O segundo partido da eliminatoria será a semana próxima, neste caso no campo do conxunto murciano de El Palmar.

Entre os conxuntos da área coruñesa, o Cerceda tamén accedeu á fase de ascenso a Segunda División B. O conxunto de Ángel Cuéllar enfrontarase ao equipo zamorano do Villaralbo con obxectivo tamén de ascender de categoría e dar un salto cualitativo futbolístico. O primeiro encontro desta fase, no seu caso, disputarse este fin de semana na localidade zamorana. A volta será a semana seguinte no campo do Cerceda.