A selección galega volve a Riazor sete anos e medio despois do seu último partido para que a mellor xeración de futbolistas da terra poida amosar o seu fútbol. Por mor de diferentes causas houbo baixas a última hora e por mor da competición hai unha morea de xogadores cos que Fran e Míchel Salgado non puideron contar. Porén, hoxe sobre o céspede do coliseo coruñés estará a representación dos mellor futbolistas galaicos do momento. Profesionais de alto nivel, con proxección internacional e afeitos a participar en competicións de altísima categoría.

Certo que as ausencias van provocar que haxa futbolistas fóra do seu sitio habitual, caso especial na defensa onde Álex Bergantiños estará como central con Hugo Mallo (lateral dereito no Celta) e Jonny, que estará nesta banda dereita cando no equipo vigués adoita a moverse pola esquerda ou, no caso de necesidade, polo centro. Tamén a calidade que amosan os seleccionados na parte ofensiva fará que algún dos salientábeis da Primeira División teña que comezar no banco. Pode acontecer con Fran Rico, peza básica no Granada. Ou comeza el ou o fai Juan Domínguez. Van xogar todos e o de menos quizais sexa quen o faga desde o comezo e quen entre máis tarde.

O que máis pode chamar a atención é o potencial ofensivo deste equipo que fixeron Fran e Míchel. Todo vai depender do debuxo que desexen empregar, pero van estar xuntos Lucas, Aspas, Iago Falqué e Denis Suárez, unha das perlas da Primeira División e ao que parece que quere recuperar o Barcelona para a vindeira temporada.

Haberá fútbol de calidade para tentar manter a imbatibilidade que amosa Galicia nesta época moderna, pois nos catro partidos anteriores que disputou, desde o seu rexurdimento, gañou dous e empatou outro dous. En decembro de 2005 gañou a Uruguai (3-2) en San Lázaro e tres anos despois acadou o mesmo marcador perante Irán en Riazor (3-2). No medio, dous empates a un gol. O primeiro en 2006 en A Coruña diante de Ecuador; o segundo, en 2007 en Balaídos diante de Camerún.

Nesta volta terá enfronte a unha selección que tentará facer algo sonado no Copa America Centenario que comeza o vindeiro mes de xullo nos Estados Unidos. O fútbol venezolano medrou nos últimos anos, mesmo até o punto de loitar nas últimas fases de clasificación por un dos postos que as federacións sulamericanas teñen no Mundial. A viñotinto viñotintoestrea adestrador, Rafael Dudamel, que asumiu o 1 de abril a dirección desta selección despois da dimisión de Noel Sanvicente, por la mala dinámica do equipo. Nesta fase de clasificación para o Mundial de Rusia só foi quen de sumar un punto en seis partidos e ocupa o derradeiro posto na clasificación.

Os xogadores galegos veñen de rematar unha longa temporada e tentarán facer un bo partido sen a presión do resultado, pero coa idea de gañar como busca calquera deportista cando compite, pero os venezolanos chegan con outra idea. Estanse a preparar para a Copa América e queren facerse un oco no equipo titular e convencer ao seu adestrador. Saben que é un amigable, pero con moitas máis consecuencias para eles que para os galegos. Estes só teñen o orgullo. "Para un galego, penso que é o máis grande, poder competir coa túa selección despois de tantos anos que non se facía esta festa". Son palabras de Lucas Pérez cando se deu a coñecer a convocatoria de Galicia. Os futbolistas o teñen claro neste sentido, sempre o tiveron, queren selección galega. Non é así cos políticos, que foron os que destruíron a selección galega en 2009. E algún aínda estará hoxe no palco para saír na foto. Ao tempo.