Xa hai adestrador, xa hai tres fichaxes e xuño vén de comezar. Falo de tres sen contar ao técnico e incluíndo a Fayçal, porque se o Elche ascendese habería algo que negociar para que ficase. E ficaría. Faltan moitos, por suposto. Hai catorce xogadores para o primeiro equipo, máis os cedidos dos que so semella que terá sitio Pablo Insua, pero deses haberá que quitar a Luisinho, pois o presidente dixo que non ía seguir. Hai tempo. O que máis preocupaba a moitos era ter contratado ao adestrador e xa está. Xa vin por algún sitio que xera moitas dúbidas a algúns. Iso que nin comezou a traballar. Será que o Deportivo está en condicións de fichar a Guardiola, digo eu. Non sei moito de números, pero sei que 20 millóns non dan para moito e hai que repartilos ben para facer un equipo que poida agasallar aos seareiros cunha temporada queda. Xa van moitos anos seguidos de sufrimento ata o remate. Primeiro cos dous descensos consecutivos en 2011 e en 2013; despois cos dous ascensos case feitos pero polos que houbo que agardar tamén case ao remate; sen esquecer a dúas ultimas campañas nas que o equipo salvouse na derradeira xornada (xa sei que nesta foi na penúltima). Agora toca outra cousa. Xa é tempo. Vai depender moito de que queden certos xogadores, sobre todo Lucas e Sidnei, que semellan ser os que teñen posibilidades de marchar, pois deles depende que a estrutura se manteña, unha estrutura que hai que seguir fortalecendo. E vai depender do traballo do adestrador. E eu estou convencido de que vai calar moitas bocas. A min tenme moi boa pinta Gaizka Garitano, pero quero velo traballar en directo antes de falar. Non abonda con ollar os seus equipos, xa que cada un xoga en función do que ten e segundo o plantel que poida conformar Richard Barral -se é do nível do curso pasado chégame-, xa o dixo Garitano: ten unha idea de como lle gustaría xogar, pero ten que agardar. Resposta intelixente. Falo con tempo por diante -por iso moitas veces me esnafro-, pero son quen de dicir que a chegada de Gaizka é un acerto. Agardo que nuns meses teña que comer estas letras. Pero non polos resultados, que son os que mandan, polo seu traballo.