Hai 25 anos por estas datas naceu o Torneo Internacional de Fútbol Base Cidade de A Coruña que, organizado polo Orillamar, xuntaba durante seis días, cada primeira semana de xullo, o mellor das categorías cativas de Galicia e mesmo de Portugal e resto do estado español. A competición de cadetes era a parte estelar da competición, Porto, Sporting de Lisboa, Benfica, Barcelona, Madrid, Atlético, Panathinaikos, Lokomotiv de Sofía, entre outros moitos equipo doutros países -máis portugueses, italianos, venezolanos e estadounidenses- foron protagonistas nos campos da Torre. Aí salientou con 16 anos Guti, que despois foi un clásico do Madrid; Luis García, campión da Champions co Liverpool; David Fernández Miramontes, que debutou no Deportivo da man de Toshack, foron futbolistas que participaron neste torneo. Moitos que chegaron a cumprir o seu soño, pero sobre todo esa primeira semana de xullo era unha festa do fútbol. Moreas de persoas que viñan de lonxe, canda os seus fillos; moreas de coruñeses que ateigaban os campos da Torre onde había fútbol desde as catro da tarde ata preto das dez da noite. Un torneo de verdade. Por iso, a edición deste ano tería que ser festiva, chegar a 25 anos non é doado, pero hai razóns para que a festa non sexa como cada ano. Neste ano faltan dúas persoas fundamentais neste torneo: Orlando e Geluca. Orlando García, fundador do Orillamar e creador do torneo, alén dun dos homes máis importantes do fútbol base coruñés; Geluca -simplemente Geluca-, a nai de moitas xeracións de futbolistas que pasamos polo Orillamar e respectada mesmo por os integrantes do clubes adversarios da zona de A Coruña. Este ano marcharon para non volver. O torneo non perderá grandeza, pero sen eles non será o mesmo.