A pé de rúa

Líderes, aínda que sexa un anaquiño

20.08.2016 | 02:05
Líderes, aínda que sexa un anaquiño

Andaba eu lareteando con algúns compañeiros no xornal e de súpeto escoito que Albentosa dicía en Riazor o mesmo que estaba a comentar eu: o Deportivo é líder! Xa sei que será por unhas horas, pero a auténtica realidade é a que amosa a clasificación. Tamén sei que non vai máis alá dun feito puntual, pero mola! Como acadou ese liderado o Deportivo? Para min dun xeito que non me convenceu nin un chisco. Pero como eu son persoa de paciencia e sempre digo que as cousas hainas que deixar que se fagan, creo que este Deportivo aínda precisa tempo, como o precisarán todos os equipos que arrancan nesta finde semana. O máis salientabel de todo é que os tres puntos ficaron en Riazor, que é do que trata o conto este como xa dixen moitas veces. A partir de tres ou catro semanas si que empezarei a pensar máis nas formas. Eu onte non albisquei nada que me amosase que este equipo vai ser diferente, cando o ten que ser, simplemente porque hai outro adestrador e outras ideas, alén de novos futbolistas. Asentar a idea, ou o concepto, que diría Manquiña, leva un tempo, pero hai cousiñas que penso que se terían que ter visto. Sobre todo cando están en posesión do balón. Non sei, pero para min hai unha cousa básica que é que cando tes o balón non sempre tes que tirar cara adiante, hai que saber manexalo, hai que mimalo en compañía, en equipo, e iso non llo vin moito eu a este Deportivo. Iso é o que agardo, porque sei que este adestrador gusta diso, alén doutras formas. É un adestrador que vai gustar aquí.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine